Xosé Manuel Beiras é unha das figuras políticas e intelectuais máis destacadas dos últimos 50 anos en Galicia. Referente ideolóxico para boa parte do nacionalismo e a esquerda deste país, o seu pensamento e a súa acción están detrás dalgunhas das iniciativas políticas e sociais máis dinámicas dos últimos anos, non só no territorio galego. Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos. E, con todo, estaba pendente abordar nun documental algo do que é, cal é a súa vida, cales son as súas vidas.
Hoxe Beiras está –relativamente- arredado da actividade pública. Pero mantén íntegra a súa paixón por comprender o mundo, por compartir a súa visión, por contrastala, por pensar o futuro, o presente, o pasado. Por iso, Beiras. Vivir2Veces non quere ser un filme sobre Beiras, senón un filme CON Beiras.
Con el, repasamos a súa traxectoria seguindo dúas pistas: dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas. Ese repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do noso protagonista: a conversa.Ninguén, e menos Beiras, vive illado. Buscamos o encontro con algunha da xente coa que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á casa.
Beiras. Vivir2Veces ten, naturalmente, dúas vidas. Dunha banda, a dunha longametraxe documental que fará o seu percorrido por festivais, salas, plataformas, televisións… Doutra, a dun webdoc, un espazo online onde sexas ti quen seleccione o material, onde poidas acceder ás charlas íntegras, ás reflexións sen cortes, onde debullar con calma na procura dos detalles.
Procuramos construír un espazo público de consulta online que permita a cada espectador elaborar a súa propia imaxe crítica sobre canto se reflexiona no proxecto, obter datos específicos de cada tema, gozar ao seu ritmo por este camiño cheo de historias.