Hoxe, por fin, o proxecto Beiras.Vivir2Veces comeza ver a luz. Faino coas primeiras pezas íntegras da gravación do documental.
O proceso de rodaxe foi demorado. Cada xornada dedicouse a unha das partes coas que queremos contar a Xosé Manuel Beiras. Fomos a Vigo, a Santiago, a Corrubedo, a Esteiro, á Reboraina… Cada unha das sesións dedicouse a conversar dun tema, lembrar un lugar ou recuperar imaxes significativas da vida de Beiras.
No proceso de postprodución topamos con algo inesperado. Vimos que cada peza funcionaba por si mesma, algo que dalgún xeito xa estaba na nosa idea inicial, pero non nese grao. A nosa impresión foi a de que cada peza podía entenderse coma un episodio dunha especie de serie documental.
Unha serie libre de formato -cada peza ten unha duración diferente- e de estilo -hai conversas a dous e hainas de grupo, e mesmo un coloquio co público, ou un concerto-. Segundo os intereses e os gustos de cadaquén, uns episodios resultarán máis atractivos ca outros, pero en todos habemos atopar sentido, contido. E velos permite que cada un de nós faga a súa propia escolla sobre o que lle pareza máis valioso de canto ao longo desta produción Beiras e a súa xente nos achegaron con tanta xenerosidade.
O capítulo co que estrenamos a web é a conversa entre Xosé Manuel Beiras e Xose Luis Méndez Ferrín. No museo do mar de Vigo, Ferrín e Beiras reúnense coa excusa de falar sobre o nacionalismo. Na conversa, xurden temas como os inicios en política de ambos, os movementos universitarios, o tabú do independentismo…