Beiras. Vivir2veces é un proxecto documental que foi financiado grazas a máis de 200 mecenas que fixeron as súas achegas nunha campaña de micromecenado. Agora, cando a fase de post-produción está a piques de concluír, abrimos a posibilidade de que se incorporen novos mecenas. Beiras.Vivir2Veces ten, naturalmente, dúas vidas. Unha é a longametraxe documental que está rematando a fase de montaxe. A outra, que xa empezou a estar dispoñible para os mecenas, e a web doc na que se recolle moito do material gravado ao longo da rodaxe. Foi unha rodaxe un tanto particular. Queriamos contar a Beiras desde tres ángulos: un era o repaso dun feixe de fotografías significativas da súa peripecia vital que o propio protagonista escollese e comentase; outro, a visita -física ou desde a memoria- a algúns dos espazos máis decisivos na súa experiencia; e o terceiro, a conversa con xente próxima ao redor dalgún dos temas que máis levan ocupado a Beiras, desde a política á música, desde o nacionalismo ás artes plásticas ou o altermundismo… De tal maneira que cada sesión de gravación foi monográfica, seguindo ese esquema co que ideamos o documental. O primeiro que fixemos, ao iniciar a montaxe, foi editar cada unha desas sesións, pulindo as imperfeccións máis obvias e deixando o conxunto íntegro dos materiais. O resultado é un espazo online onde sexas ti quen seleccione o material, onde poidas acceder ás charlas íntegras, ás reflexións sen cortes, onde debullar con calma na procura dos detalles. Procuramos construír un espazo de consulta online que permita a cada espectador elaborar a súa propia imaxe crítica sobre canto se reflexiona no proxecto, obter datos específicos de cada tema, gozar ao seu ritmo por este camiño cheo de historias. Cada dez días, aproximadamente, subimos á web unha nova peza. O nacionalismo, a esquerda, a política, a música, a cultura, a economía, a docencia e o altermundismo son temas sobre os que Xosé Manuel Beiras conversa, discute e reflexiona con amigos e compañeiros. E tamén pezas nas que o noso protagonista repasa a súa traxectoria en imaxes ou lugares emblemáticos da súa vida. Queres ser mecenas? Como: Dándote de alta nesta mesma páxina. Canto: Fixamos un prezo único de 25€ para os novos mecenas. Cal é a miña recompensa? Acceso a todos os contidos da web. Presenza nos créditos da web. Acceso ao visionado online da longametraxe unha vez rematada.