Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos.
E, con todo, estaba pendente abordar nun documental algo do que é, cal é a súa vida, cales son as súas vidas.
Beiras mantén íntegra a súa paixón por comprender o mundo, por compartir a súa visión, por contrastala, por pensar o futuro, o presente, o pasado. Por iso, Beiras. Vivir2Veces non é un filme sobre Beiras, senón un filme CON Beiras.
Con el, repasamos a súa traxectoria seguindo dúas pistas: dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas.
O repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do noso protagonista: a conversa. No documental, Beiras atópase con algunhas das persoas coas que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á casa.