Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos. E, con todo, estaba pendente abordar nun documental algo do que é, cal é a súa vida, cales son as súas vidas. Fixémolo nun proxecto que desembocou na longametraxe documental que podedes ver en Filmin e máis nesta web, que recolle o conxunto dos materias que gravamos para a ocasión
Beiras mantén íntegra a súa paixón por comprender o mundo, por compartir a súa visión, por contrastala, por pensar o futuro, o presente, o pasado. Por iso, Beiras. Vivir2Veces non é un documental sobre Beiras, senón un documental CON Beiras.
Con el, repasamos a súa traxectoria seguindo, dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as fotos máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas. O repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do noso protagonista: a conversa. Beiras encóntrase con algunhas das persoas coas que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á música ou á economía.